Vostede está aquí

"NA PROCURA DO IKIGAI"

Boa tarde.

( Vai, sobre todo, para aqueles que se manteñen resilientes no costume de visitar esta páxina. Desexo que vos agrade).

Xa había ben tempo que non botaba pé fóra. Cos ollos medio pechados deixaba transcorrer os días cavilando, ninguén sabía en que. O longo corredor do seu fogar, ao parecer, tíñao ben gravado na memoria e, xa que logo, non precisaba de abrilos ollos para pasexar, para un lado, para o outro, escaleiras arriba, escaleiras abaixo…; pasaba a carón da súa muller coma se non houbera ninguén; semellaba ido.

–Hai que ver como nos volvemos de vellos, e el, non me verá? Ei Marcialiño, onde andas home, onde andas. 

–Cala, cala, onde vou andar, non me ves, ando coas miñas cousas.

–E logo, cales son as túas cousas meu home? Pasas a rente meu e non dis ren.

–E que che vou dicir muller, ti non entendes ren do “Ikigai”.

O home non lle explicaba nada do que andaba maquinando.

–Arre demo! Xa eu vía, desde hai ben tempo, que este home andaba polos nubeiros. E logo, que é iso do Ikigai?

–A ver se o entendes muller: o “Ikigai” é un termo xaponés; cada un ten o seu “ikigai” e vén a ser “un xeito de comportarse na vida para que teña sentido”; cómpre levar unha vida sinxela, non deixar de lado as actividades, manter as relacións cos veciños, coperar nas tarefas do común, camiñar, facer exercicio…; isto é o que fan na illa xaponesa de Okinawa, onde contan co tanto por cento máis alto de lonxevidade de todo o mundo.

–Vaites, vaites! E fala coma se estivera enxeñando algo novo que non fixésemos sempre no noso lugar. Eu diría que é unha imaxe ben feita da nosa vida. A ver, Marcialiño, se nos aclaramos: quen foi o listo que che falou do tal “Ikigai”? Nós sempre mantivemos esa norma de vida, non fai falta porlle nomes estraños. Ou, é que así somos máis modernos?

–Muller, ti vai ás túas cousas e déixame a min coas miñas, que me fas perder o fío da historia.

–Pois xa te deixo home, xa te deixo. A ver se atopas algunha cousa máis importante a facer, que te baixe ó chan e, ao tempo, deixas tranquiliño o “Ikigai”.

–Non te burles muller, isto é moi, moi importante para a saúde de todos; ímolo por como “norma cotián” para toda a veciñanza do lugar, e se a maioría non entra polo aro, dimito de pedáneo.

 –Ai Marcial, xa podes ir dimitindo agora mesmo, coido que moi poucos te van seguir; iso ía ser así coma unha “secta” e o pobo, hoxe, xa non se deixa engaiolar coma antes.

–Ti podes pensar e dicir o que queiras, verémolo resultado.

A muller calou, coñecía moi ben o Marcialiño, era duro de roer, aínda así, xa ía atopar o intre máis axeitado para facelo falar e tirarlle onde foi que lle meteron a teima na  “cachola”. Logo, xa o irá facendo baixar ao chan da vida real.

Saúde e boa viaxe.

Bo Nadal!

 

Artigos: